Monday 13 de May de 2024

Máis de 2.000 persoas gozaron hoxe do Día do Deporte na Rúa, no que se implicaron 75 entidades deportivas da cidade, en colaboración co Concello


Ao longo da mañá ofertáronse máis de 60 actividades deportivas abertas ao público, unha ampla programación que se desenvolveu na contorna de Riazor, As Escravas e a praia do Orzán

O Día do Deporte na Rúa congregou este domingo máis de 2.000 persoas, que pese á aparición momentánea da choiva gozaron ao longo da mañá dunha ampla programación de actividades deportivas na contorna de Riazor.

No evento, un clásico do calendario deportivo na Coruña, implicáronse un total de 75 entidades e clubs que, en colaboración co Concello, buscan dar a coñecer as diversas disciplinas e prácticas deportivas que se ofertan na cidade, facendo partícipes as veciñas e veciños e achegándolle á cidadanía, de forma lúdica, os beneficios das prácticas deportivas e saudables.

Nesta XXXVI edición do Día do Deporte na Rúa, que se realizou entre as 11.00 e as 14.00 horas, ofertáronse máis de 60 actividades deportivas, ideadas para todos os públicos. Desta forma, tanto persoas adultas como as e os máis pequenos puideron gozar de múltiples disciplinas como fútbol, baloncesto, bádminton, ximnasia artística, taekwondo, escalada, marcha nórdica e boxeo, entre moitas outras.

A meirande parte das actividades desenvolvéronse na contorna da explanada do Pazo dos Deportes de Riazor, así como na praia de Riazor, onde se centralizaron a maioría de iniciativas orientadas aos deportes náuticos. Neste sentido, estas actividades estendéronse tamén á praia do Orzán, onde se levaron a cabo prácticas de surf adaptado.
En paralelo, e ao longo da mañá, tamén se dispuxo un circuíto multideporte (tenis, tenis de mesa, halterofilia) na rúa Manuel Murguía, na contorna do Estadio municipal de Riazor e a Casa da Auga, así como un pequeno recinto de skate no paseo marítimo das Escravas.

A través do Día do Deporte na Rúa, que nesta edición puxo o colofón ao curso 2022-2023 das Escolas Deportivas Municipais, o Goberno de Inés Rey busca reforzar o seu apoio ao tecido deportivo da Coruña e achegar a cidadanía ás disciplinas deportivas existentes na cidade, fomentando a participación cidadá nunha programación multidisciplinar que contribúe ao fomento da vida saudable entre persoas de todas as idades, tanto adultas como as novas xeracións.

O concelleiro Gonzalo Castro tomou parte no acto de entrega de agasallos que tivo lugar ao final do mediodía, na explanada do Pazo dos Deportes de Riazor.